O Monbus Obradoiro buscará en Burgos manter o bo inicio de liga
Alonso Faure: "Todos teriamos asinado este comezo"
San Pablo Burgos perdeu os dous últimos partidos oficiais
O Monbus Obradoiro asinou un grande inicio de liga no seu retorno á ACB: dúas vitorias (Andorra e Lleida) e unha derrota na prórroga ante o Real Madrid.
"É moi cedo, só foron tres partidos. Queremos seguir gañando", comenta Álex Galán. Alonso Faure é máis enérxico: "É un comezo fantástico. Todo o mundo o tería asinado antes de comezar a tempada". A busca do terceiro triunfo do curso será o sábado pola noite en Burgos.
O San Pablo Burgos perdeu na última xornada de liga co Bilbao Basket e onte na EuroCup caeu nun apertado final ante o Hapoel Jerusalem. Son dúas derrotas seguidas para recibir o Monbus Obradoiro.
"Epi (o adestrador Diego Epifanio) sempre di que é mellor xogar contra un equipo cando vén de gañar. Burgos sempre propón partidos moi complicados, que che fan pensar moito, defensas moi diferentes, cambios en todos os bloqueos, zonas...", explica Álex Galán.
A ollada de Alonso Faure, que o domingo pasado ante o Lleida anotou a súa primeira canastra na ACB, apunta ao Obradoiro: "Non sei como virán de ánimo pero non temos que preocuparnos por iso. Temos que centranos en nós e ir alí a tentar sacar a vitoria".
O equipo galego quere manter as boas sensacións e o reto é sumar en Burgos a terceira vitoria en catro xornadas de liga.