Epi e o traballo de integrar a Childress: "Ten que entender as necesidades do equipo para gañar"
A estrela do Obradoiro media máis de 20 puntos nos dous primeiros encontros
O domingo xogan diante do Lleida nun partido que veremos en directo pola Televisión de Galicia (12:00 horas)
O Monbus Obradoiro recibe este domingo o Lleida (12:00 horas, en directo pola Televisión de Galicia). O equipo santiagués tivo un bo inicio de campionato cunha vitoria na pista do Andorra e unha derrota na prórroga contra o Real Madrid nun partido no que a piques estivo de dar a sorpresa. Os números do Lleida son semellantes (1-1) logo de impoñerse na pista do Valencia Básket.
O adestrador do Obradoiro Diego Epifanio acelera os procesos de conxuntar o equipo despois dunha pretemporada atípica marcada polas ventás de partidos internacionais que lle impediu facer un traballo idóneo na pista. "Non sei canto tempo lle vai durar aos equipos esta escusa pero é unha realidade" comentou na previa do partido.
Nesa tarefa está especialmente centrado en Childress. Despois de amosar un gran rendemento individual (media de 20,5 puntos por partido) tenta que esa influencia chegue tamén ao colectivo. "A virtude de Brandon é a anotación e pasar o balón pero tamén ten que entender as necesidades do equipo para gañar, non só para xerar os seus puntos", asegurou Epifanio.