Remata a identificación das 43 vítimas localizadas en Adamuz e comenzan os funerais
Continúa a retirada dos vagóns e a Garda Civil mantén o rastrexo con cans para localizar as dúas persoas que seguen desaparecidas
27 das 43 vítimas mortais confirmadas son da provincia de Huelva
Atopan a Boro, o can dunha das viaxeiras feridas, e entréganllo á súa familia
A Garda Civil, coa axuda dos cans especializados, continúa realizando batidas e rastrexos na zona do accidente, porque as cifras aínda non cadran. Son 45 as desaparicións denunciadas e ata o de agora só 43 as localizadas.
Á vez que se fai esta busca, prosegue tamén o labor de retirada dos vagóns. Este xoves toca seguir cortando en cachos o terceiro vagón do Alvia, para poder sacalo. Ao mesmo tempo os equipos de criminalística seguen reunindo datos para concluír os atestados. Segundo algunhas fontes, levan rexistrado xa máis dun cento de achados, algúns, coma esta peza da base dun vagón, a case 300 metros do lugar do accidente.
Entre tanto, en moitos lugares empezan a organizarse os funerais da vítimas. Os equipos forenses completaron xa a identificación de todos os restos achados. 27 das 43 vítimas mortais confirmadas son da provincia de Huelva, por iso, amais dos funerais privados en poboacións como Lepe, Gibraleón, Isla Cristina ou Aljaraque, o próximo día 31 celebrarase un funeral de Estado na capital. En Adamuz haberá outro acto fúnebre o próximo domingo, segundo informou hoxe o bispado de Córdoba.
No medio de tanto loito, a nova positiva do día púxoa Boro, o can dunha das viaxeiras feridas no accidente. A partir de que a familia pedira axuda para buscalo organizouse un gran dispositivo de voluntarios con ese fin.
"Quero que se saiba que por primeira vez en moitos países se busca un animal despois dun accidente; queremos que isto cree precedente", remarca a promotora do dispositivo de busca.
Esta mañá a familia de Boro celebraba o reencontro e agradecía a axuda que o fixo posible.