Publicador de contidos

Publicador de contidos

Reivindican o dereito a unha vida plena no Día do Dano Cerebral Adquirido

Reivindican o dereito a unha vida plena no Día do Dano Cerebral Adquirido

A Asociación de Dano Cerebral da Coruña celebrouno con deporte adaptado e a lectura dun manifesto

G24.gal 26/10/2025 16:14

O 26 de outubro lémbranse as persoas que viven con dano cerebral adquirido, estímase que máis de medio millón en España. É un día para sensibilizar e para situar en primeiro plano as necesidades dos afectados, que demandan unha atención integral, inclusiva e universal. Na Coruña, celebrárono en María Pita con deportes adaptados e actividades de concienciación.

Pilar Vivas tivo que lidar ao mesmo tempo coa dor polo falecemento do seu home e coas secuelas dun ictus que lle afectou sobre todo á mobilidade. Foi hai cinco anos.

"É frustrante. Eu facía moito exercicio, gustábame a montaña e fíxate o cambio", comenta.

Conseguiu adaptarse a unha vida drasticamente diferente e recuperar moita autonomía, co seu esforzo e co acompañamento da Asociación de Dano Cerebral da Coruña. O labor deste colectivo e tamén o dos profesionais sanitarios é algo que destaca Enrique Gándara, que en 2021 sufriu un accidente cerebrovascular durante as vacacións do verán.

"Pódeche pasar en calquera momento. É moi importante que poñamos os medios e teñamos as condicións para que ter onde apoiarte cando che pase isto e saibas a onde ir e que facer", explica.

Non faltou á dobre celebración na praza de María Pita, á do Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido e á do 25 aniversario da asociación coruñesa, que mantén reivindicacións históricas, como a necesidade dun censo estatal de persoas afectadas ou a creación dun código diagnóstico específico no momento da alta hospitalaria.

"Unha persoa entra cun ictus e sae coa alta, pero sen ningunha referencia ás secuelas, que é posible que sexan de por vida. Necesitamos que apareza reflectida nalgún sitio esta necesidade, di o presidente da asociación coruñesa, Juan Luis Degado.

Demandan máis recursos e uns servizos mellor coordinados para atender os pacientes e apoiar as familias, que tamén deben aprender a convivir co dano cerebral adquirido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos