Reforzan a sinalización e limitan a velocidade no centro urbano de Pedrafita do Cebreiro
Desde a derruba dun tramo do viaduto da A-6 a vila absorbe todo o tráfico rodado entre Galicia e o Bierzo
De momento non hai data para restablecer a circulación na ponte paralela á que caeu
Ao entrar en Pedrafita, un panel luminoso indica a que velocidade se debe circular; ao avanzar, outro advirte da presenza dun paso de peóns. Os sinais repítense no pouco máis dun quilómetro de percorrido do centro urbano da vila.
Para o que vai ao volante o límite de 40: "A 30 ou 40 está ben", di un condutor. Máis pegas póñenlles os veciños: "Aínda pasan moi rápido chegaba a 20", asegura un.
A derruba dun treito do viaduto da A-6 fixo que a vila retrocedese dúas décadas e de novo absorbe todo o tráfico rodado entre Galicia e o Bierzo nos dous sentidos. "A diferenza é que agora hai moitos máis coches ca antes, podes pillar mil camións non podes adiantar", di unha veciña.
E o trastorno vai para longo. Sen novidades sobre as posibles causas da derruba na ponte e sen data para restablecer o tráfico no viaduto paralelo. O Goberno agarda polos informes dos técnicos.
José Miñones, delegado do Goberno di que "cando teñamos as datas as faremos públicas, o obxectivo é: prudencia, facer o traballo ben, dar prioridade a seguridade. Non imos acelerar nada por intereses políticos, o tema é suficientemente importante".
A través dun comunicado, os empresarios galegos reclaman celeridade. Esta é a principal vía de conexión de Galicia coa Meseta e ven neste corte da autovía un novo golpe para as súas empresas, piden ademais que se revisen o resto as infraestruturas desta vía.
O presidente da Xunta tamén falou do derrubamento do viaduto da A-6. Alfonso Rueda pídelle ao Goberno información sobre as causas e que concrete prazos sobre as alternativas ao tráfico.