Arrancan as obras de mellora en sete túneles da AP-9 con afectacións ao tráfico
Os traballos vanse iniciar de maneira simultánea nun túnel por provincia, no de Pedra do Couto na Coruña, e Candeán, en Pontevedra, e irán avanzando no resto de túneles de maneira paralela en ambas as provincias
O tráfico verase afectado o 12 de maio ás 9:00 horas no túnel de Pedra do Couto, cun corte de carril por calzada que se retirará ás 13:00 horas do venres 16 de maio
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible segue realizando obras de adecuación e modernización dos túneles da autoestrada AP-9 de Montecelo, Campolongo, Pedra do Couto e Sartego, na provincia da Coruña, e A Madroa, Candeán e Teis na provincia de Pontevedra. Estas obras van provocar cortes de tráfico.
Transportes enviou unha nota de prensa na que explica que se trata dunhas obras que contan cun orzamento de 27,48 millóns de euros, financiados cos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).
Segundo explica o Ministerio, os traballos van comezar este luns 12 de maio e son para colocar as bandexas eléctricas, o que esixe unha serie de cortes de tráfico nos sete túneles.
Os traballos vanse iniciar de maneira simultánea nun túnel por provincia, no de Pedra do Couto na Coruña, e Candeán, en Pontevedra, e irán avanzando no resto de túneles de maneira paralela en ambas as provincias.
Así afectará ao tráfico na provincia da Coruña a partir do luns 12 de maio
O tráfico verase afectado o 12 de maio ás 9:00 horas no túnel de Pedra do Couto (km 22), cun corte de carril por calzada que se retirará ás 13:00 horas do venres 16 de maio.
Para asegurar a fluidez do tráfico manterase operativo polo menos un carril por calzada para permitir a circulación de vehículos durante a execución dos traballos, asegura a nota do Ministerio de Transportes.
Unha vez finalizados os traballos no túnel de Pedra do Couto, comezarase a instalación de bandexa eléctrica no túnel de Campolongo (km 18), onde está previsto que dean inicio as afectacións a finais de maio con cortes semanais similares aos do túnel de Pedra do Couto.
Despois darán comezo os traballos nos túneles de Sartego (km 30) e Montecelo (km 9) cunha configuración de tráfico similar ás do resto de túneles da Coruña.
Así afectará ao tráfico na provincia de Pontevedra
No caso de Pontevedra, os cortes de tráfico empezarán ás 22:00 horas do luns no túnel de Candeán, (km 154 da AP-9), cun corte de carril por calzada que se retirará o 13 de maio ás 6:00 horas.
Este corte de carril repetirase cada noite durante a semana, desde o luns día 12 ata o xoves día 15 de maio, para minimizar as molestias aos usuarios da autoestrada.
A continuación comezarase a instalación de bandexa eléctrica nos túneles da Madroa (km 152 da AP-9) e Teis (km 1 da AP-9).