Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os viticultores do Miño tratan as viñas contra a flavescencia dourada

Os viticultores do Miño tratan as viñas contra a flavescencia dourada

Unha trintena de concellos deben botar insecticida contra o insecto que transmite a enfermidade

O tratamento fitosanitario aplícase en tres doses desde finais de xuño ata mediados de agosto

G24.gal 05/07/2025 14:35 Última actualización 05/07/2025 14:49

Os viticultores da beira do Miño están xa aplicando tratamento fitosanitario contra a flavescencia dourada, unha praga que se estende a través dun insecto e que fai secar as vides. 

Son trinta concellos das provincias de Ourense e Pontevedra os que están obrigados a tratar os viñedos, e en 14 deles xa se localizaron vides positivas á enfermidade.

Acompañamos a Antonio a revisar o seu viñedo de Crecente, situado nun dos concellos afectados por esta praga. Nas súas cepas aínda non sufriu nunca a enfermidade pero o trampeo instalado pola consellería do Medio Rural si detectou o insecto que a transmite en terreos lindeiros.

"A Xunta localizou algunha e entón anunciou que na zona de Crecente e Arbo tamén estaba aparecendo o insecto, que trae pegados os virus da flavescencia, que queda pegada na planta", asegura Antonio Álvarez, viticultor de Crecente

Antonio tratou sempre de reducir ao máximo os tratamentos da vide. Comezou empregando feromonas, pero agora que o mosquito está máis estendido sabe que non é suficiente. Aplicou xa a primeira dose do insecticida e quédanlle outras dúas por dar, tal e como establece a regulación.

"Empezamos a tratalo desde hai tres anos. O tratamento que manda a Xunta son tres doses, que empeza a primeira a finais de xuño e a última a mediados de agosto. Moito máis tarde non se pode dar porque logo vén a vendima e non pode haber produtos aplicados tan próximos á hora da recollida", explica Antonio

O gasto que supón tratar as vides contra esta enfermidade supera os 25 euros por hectárea.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade