Boa campaña en Valdeorras e Monterrei, e exceso de uva no resto de denominacións
Estímase que durante a vendima se apañarán uns 80 millóns de quilos de uva entre as cinco denominacións
A vendima comezou nalgúns puntos hai uns quince días. Dende finais de agosto xa se recolle a uva, e estímase que entre as cinco denominacións galegas se apañarán uns 80 millóns de quilos. Con todo, a situación é ben diferente en cada zona.
Carlos Basalo, o responsable de Agricultura de Unións Agrarias, fíxonos este domingo unha descrición de como vai a vendima nas cinco denominacións, comezando polas de Monterrei e Valdeorras, onde a colleita está sendo boa, e seguindo polas outras tres das cinco que hai en Galicia.
Na Ribeira Sacra hai un exceso de uva, e Carlos cre que vai quedar moita uva sen vender, o mesmo que aconteceu o ano pasado. No Ribeiro o exceso de produción tamén esta afectando á denominación.
Na denominación de orixe Rías Baixas hai unha baixada grande nos prezos, pásase dos 2,5 euros que se pagaba o ano pasado por quilo de uva, aos menos de dous euros que se pagan, de media, este ano.
Segundo Carlos, cómpre unha implicación da Axencia de Calidade Agroalimentaria, que se asegure de que todas as adegas teñen contratos de compra de uva cos viticultores e que cumpran cos custos de produción.
Á Xunta pídelle que controle a entrada de uvas nas denominacións e, tamén, unha clara defensa dos viticultores como motor económico e ecolóxico, como quedou demostrado nos incendios, cando as viñas fixeron de cortalumes.