Debate no sector do viño das Rías Baixas: propoñen limitar a produción para manter os prezos
Suxiren que o Consello Regulador reduza o rendemento porque hai uva sen saída ao mercado
Unións Agrarias rexeita a idea e cre que prexudicaría os pequenos produtores
A nivel xeral, os viticultores afrontan un reto pola caída do consumo en todo o mundo
Un debate agroma no sector do viño das Rías Baixas. O Consello Regulador recibiu unha proposta para limitar a produción na Denominación de Orixe. O argumento é que sobra uva, isto é, hai adegas que acumulan demasiadas reservas que non teñen saída ao mercado. Por iso, a idea sería limitar as vendas para evitar unha sobreoferta e que non caian os prezos. A suxestión está dando moito que falar e xerou tamén propostas.
O Consello Regulador di que se trata dunha proposta de "excepcionalidade" que aínda non se discutiu, porque tería que levarse a un pleno, que nin sequera está convocado. O sindicato Unión Agrarias pide que se faga público quen está detrás da idea, que de entrada rexeita porque asegura que reducir o rendemento por hectárea prexudicaría aos pequenos produtores. En calquera caso, esixe que se xustifique con datos.
"Que pasou para que de súpeto empecemos todos detrás a meterlle man ao rendemento? Se algunha bodega ten un problema de stock, non llo pode trasladar ao conxunto da Denominación", reclama o secretario xeral de UUAA, Santiago García.
O certo é que, máis alá do que aconteza nas Rías Baixas, o sector do viño afronta un reto xeral. O consumo leva anos baixando a nivel mundial e en España caeu un catro por cento nun ano. Tamén se reduciron as exportacións. En parte, a tendencia explícase polo cambio de hábitos na sociedade. Por unha banda, polas campañas contra o abuso do alcol; e tamén porque as novas xeracións, sobre todo, prefiren as bebidas máis lixeiras, como a cervexa, ou mesmo as bebidas non alcólicas. Ademais, por suposto, porque eses produtos son máis baratos.
"Teñen interese pero teñen un problema económico importante. Si que se nota que a medida que avanza a crise, ves como a mocidade vén un día a probar viño, vai baixando o prezo do viño...", explica Martín Marcote tralo mostrador da histórica Arjeriz Viños e Licores de Vigo, onde levan máis dun século entre botellas.
"Se no futuro non consomen, estaremos mal. Pero eu considero que isto é como todo na vida e que segundo se vaian facendo maiores, as tendencias poden cambiar", engade Guillermo Martínez, propietario da pequena adega Os Areeiros de Vilaboa.
Por iso Os Areeiros (que non está dentro da D. O. Rias Baixas) aposta por manter a súa produción. De momento, continúan tendo clientes, sobre todo na restauración.