Unións Agrarias pide á Fiscalía que investigue a importación de leite para abaratar prezo
O responsable do sector lácteo de UUAA, Óscar Pose, explicou que, desde agosto, as industrias están a facer “unha manobra orquestrada para baixar o prezo do contrato a partir do 1 de abril”
Pose, que detallou que os incrementos da importación de leite van “do 150 ao 100 %”, manifestou que con esta denuncia buscan que a Fiscalía “investigue” a situación e pida “documentación”
EFE/Cabalar
O sindicato Unións Agrarias (UUAA) presentou unha denuncia en Fiscalía, na Coruña, para pedir que investigue as importacións de leite desde Francia e Portugal para “abaratar o prezo”. Así o detallou este luns o responsable do sector lácteo de UUAA, Óscar Pose, que explicou que, desde agosto, as industrias están a facer “unha manobra orquestrada para baixar o prezo do contrato a partir do 1 de abril”. Indicou que se detectou que están “a traer leite masivamente desde Francia e Portugal”, o que fai que o prezo baixe “uns 7 ou 8 céntimos”.
Pose, que detallou que os incrementos da importación de leite van “do 150 ao 100 %”, manifestou que con esta denuncia buscan que a Fiscalía “investigue” a situación e pida “documentación”. “Estamos nun momento de asinar novos contratos”, comentou, á vez que puxo o foco en que “en Galicia necesítase todo o leite que hai, tamén a importada, pero non podemos permitir que o leite se utilice de forma ilegal para baixar o prezo da de aquí”.
O responsable do sector lácteo de UUAA lembrou que hai que ter en conta o “momento no que estamos de incremento brutal de custos de produción”, o que fai que non haxa xustificación para a caída do prezo. Tamén fixo un chamamento a Xunta e Estado para que fagan as “comprobacións e poidan frear esta baixada de forma inmediata”.