O enoturismo galego amplía a súa oferta no predio experimental de Martín Códax
O seu viñedo Pé Redondo, que a adega utiliza para as súas investigacións, ofrece visitas guiadas
Pé redondo, un viñedo de Martín Códax que serve como parcela para as investigacións da adega desde 2002, acaba de abrir as súas portas ao público. Ofrece unha visita guiada para gozar dunha experiencia enoturística en contacto coa natureza e coa viticultura.
Neste terreo de doce hectáreas, pioneiro en Galicia, a adega analiza a terra, o clima, as variedades e, sobre todo, os sistemas de condución das viñas. O emparrado, pero tamén o espaller, poden dar as mellores uvas para facer os mellores viños.
"Nós aprendemos que mirar para o pasado tamén nos axuda a poder entender un pouco máis o presente. Para min esta parcela, e é o que tentamos transmitir nesta visita, é pasado, futuro e presente do mundo do viño: como será cando o cambio climático siga; como estamos agora, que é o que máis nos interesa; e como antes aprenderon a facer as cousas ben e por que as fixeron ben", explica Luis Javier López Padín, sommelier da adega Martín Códax.

Este sábado un grupo de once persoas, dúas galegas e nove de Castela-A Mancha, visitaron esta viña en Meis de onde saen moitas das uvas do espumoso e tamén do Martín Códax Lías.
Tentaron entender a terra e a vide para despois saborear o viño que dá, porque a xornada remata cunha cata dos albariños nados en Pé Redondo, no sámago do Val do Salnés.
