Reflotan o narcosubmarino atopado na ría de Arousa sen droga no seu interior
Un remolcador traslada o somerxible ata a Illa de Arousa para ser analizado en busca de pistas sobre os seus responsables
A embarcación era maior do que se cría, xa que tiña parte do casco enterrado na lama
Efectivos de Garda Civil e Vixilancia Aduaneira conseguiron reflotar esta martes, contra a unha da tarde, o narcosubmarino que permanecía afundido a unha milla no interior da ría de Arousa, fronte ao porto de Vilaxoán.
Os mesmos investigadores confirmaron que non atoparon droga no interior do somerxible.
A primeira hora da mañá iniciábanse eses traballos para recuperar a embarcación localizada este luns en augas da ría de Arousa. As condicións meteorolóxicas eran mellores e os labores desenvolvéronse con relativa rapidez.
Tiña a proa soterrada na lama e houbo que meterlle aire dentro para sacalo con máis facilidade, sen que sufrise danos. De levalo a terra vaise encargar o mesmo remolcador que se empregara en 2019 co narcosubmarino de Aldán.
O delegado do Goberno en Galicia; José Miñones, confirmaba: "O somerxible está baleiro. Polo tanto, á espera de facer unha inspección máis a fondo en terra, o que temos de momento é ese indicio e a partir de aí hipóteses".

Nestes momentos está sendo trasladado ao porto da Illa de Arousa e, unha vez alí, os investigadores agardan poder obter máis datos sobre a embarcación e sobre os responsables do transporte de droga inspeccionando a fondo o somerxible.
"Vai á Illa para poder usar alí sistemas para elevalo e poder facer toda a inspección necesaria", aseguraba Miñones.
O somerxible, de fibra de vidro, ten entre 16 e 22 metros e capacidade para transportar uns 5.000 quilos de droga. De feito, segundo explicaron as autoridades, ten unhas dimensións "moi parecidas" ao localizado en Aldán, que chegaba aos 22 metros", e o seu interior tamén é "moi similar".
Estes novos e sofisticados métodos para transportar a droga fan que colectivos de loita contra o narcotráfico demanden máis medios en Galicia.
A investigación segue para poder determinar a cantidade de droga que puido transportar. O delegado do Goberno engadía que "dentro dunha operación na que viñan traballando Garda Civil, Servizo de Vixilancia Aduaneira e Policía Nacional. Estaban sobreaviso dun alixo que podería estar entrando en Galicia".
"Gustaríanos facer toda a incautación", recoñeceu Miñones.
Investigase tamén se este somerxible ten relación coas tres potentes planadoras que apareceron abandonadas hai 3 semanas en Ribeira. Un xulgado de Vilagarcía instrúe este caso. De momento, non confirmaron detencións.