Cinco detidos con 1.500 quilos de cocaína nos portos de Rota e Cádiz
Os detidos levaban 70 fardos ocultos en dúas embarcacións
A Garda Civil xa interveu as embarcacións e non descartan máis detencións
.png)
A Garda Civil detivo cinco persoas que trataban de introducir 1.500 quilos de cocaína polas costas de Rota e Cádiz. A operación levábana a cabo en dúas embarcacións, con 70 fardos ocultos en dobres fondos.
Segundo informou este xoves a Garda Civil, a operación desenvolveuse como parte do Plan Especial de Seguridade para o Campo de Xibraltar.
Sobre as 18:30 horas do mércores, os axentes detectaron dúas embarcacións recreativas en alta mar que realizaban unhas manobras sospeitosas e activaron un dispositivo de seguimento ata a súa chegada a terra.
Coa inspección, os axentes atoparon dobres fondos onde ocultaban 70 fardos de cocaína, 34 na embarcación de Rota e 36 na de Cádiz. Cada fardo pesaba 21 quilos.
Ademais, os investigadores interviñeron ambas as embarcacións, tres vehículos todo terreo, diñeiro en efectivo e varios teléfonos móbiles.
A investigación segue aberta, pois non se descartan novas detencións. Os 5 arrestados estarán ao dispor xudicial en poucas horas.
O operativo dirixiuno o Equipo de Delincuencia Organizada e Antidrogas (EDOA) da Policía Xudicial da Comandancia de Cádiz canda o Centro Rexional de Análise e Intelixencia contra o Narcotráfico (CRAIN) e a Unidade Central Operativa (UCO).
O apoio ofrecérono o Servizo Aéreo, o Servizo Marítimo Provincial, a Central Operativa Complexa e a Policía Local de Cádiz.