Publicador de contidos

Publicador de contidos

Redondela convértese esta fin de semana nun grande escenario internacional de monicreques

Redondela convértese esta fin de semana nun grande escenario internacional de monicreques

Trinta compañías de teatro de todo o mundo e os nomes propios da elite das marionetas están xa en Redondela para concorrer neste Festival Internacional de Monicreques que vai xa pola súa edición número vinte e seis

Nesta edición unha das estrelas internacionais é Mario Ezno, un monicrequeiro da nova xeración que ten cinco millóns de seguidores nas redes, así como os brasilerios de Mamulengo Presepada

G24.gal 17/05/2025 14:58 Última actualización 17/05/2025 17:23

Redondela será toda esta fin de semana o centro do mundo dos monicreques. Ademais dos espectáculos dos monicacos na rúa e en distintas salas, na Alameda da vila xa está instalado o clásico mercado.

Desde o pasado luns as escolas do concello xa tiveron programación de fantoches e desde hoxe os espectáculos están xa na rúa. O tiro de saída deste festival deuno Danthea Teatro. E como todos os anos na Alameda está xa en marcha o mercado con postos onde comprar e ver as tendencias deste sector das marionetas.   

'Polichinela, titor de Pierrot', a cargo de Danthea Teatro, foi o primeiro espectáculo na rúa. O escenario, a rebotica do palco da música. E a duración, 45 minutos de risas e entretemento. Queda inaugurado pois o espírito da vixésimo sexta edición do Festival de Monicreques de Redondela.

"A espiritualidade 'titiriteira' que lle chamamos. Por iso hai pinceladas como algunha instalación de recreo, broches musicais, e temos dez escenarios espallados pola vila co tráfico cortado. ¿E iso que supón? Converter Redondela nun grande escenario internacional. É unha experiencia interfamiliar", conta a TVG Luis Crespo, o director do XXVI Festival Internacional de Monicreques de Redondela.

Porque ademais das trinta compañías teatrais, seleccionadas pola dirección do Festival con moito meiró e criterio, ademais das máis de setenta actividades programadas esta fin de semana, este festival vive na rúa e pola xente. Unha das novidades máis concorridas está sendo un retablo mecánico instalado aos pes do Concello. E ao seu carón o Mercado da Alameda, un clásico deste festival internacional.

"Está moi instaurado no que os veciños e a xente toda. E nos rapaces incluso. Eu teño rapaces que os seus pais compráronme os monicreques con catorce anos e veñen agora cos seus fillos a buscar os monicreques", relata Emi Pérez que ten un posto chamado 'Un mundo de fadas'.

"E lévoo no sangue porque o meu pai transmitiumo a min. Si que isto se transmite de pais a fillos e é algo moi fermoso que se manteña a tradición. E por iso desfruto tanto aquí, en Redondela", engade Juan Cruz, un dos integrantes da compañía arxentina de monicreques La pajarera.

E antes de todo, á mañá, compartindo o espazo en Redondela do festival de marionetas un grande oco para o Día das Letras galegas e as súas cantareiras, as que coma elas sustentaron a música e o idioma.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade