Unha réplica vexetal do labirinto de Chartres está aberta ao público no Cebreiro
Pertencente á historiadora canadense Laura Dennett, é o primeiro espazo en toda a Península inscrito na rede mundial de xardíns tranquilos
Unha réplica vexetal do labirinto da catedral de Chartres, en Francia. Iso é o que se pode visitar na Lagúa, moi preto do Cebreiro. Fíxoo no xardín da súa casa a historiadora canadense Laura Dennett, que reside no lugar dende hai quince anos.
O deseño non é casual, posto que nese templo iniciara, a mediados dos 80, unha peregrinación que a había marcar para sempre, ata o punto de vivir ao pé do Camiño Francés.
"Só hai unha senda, que conduce ao centro tras moitas voltas, nun camiño de ida e volta. É unha réplica simbólica da viaxe da vida, case no mesmo sentido que o é o Camiño de Santiago", explica a propietaria do espazo.
O labirinto, que está feito de buxos, foi a primeira creación vexetal de toda a Península inscrita na lista mundial de xardíns tranquilos. Na actualidade só hai tres, e curiosamente un dos outros dous, o do Arborétum de Begonte, tamén se encontra na provincia de Lugo. Trátase de lugares de contemplación, neste caso aberto de balde aos peregrinos e a todos cantos queiran visitalo.
"Eu sabía desta asociación con sede no Reino Unido, que se chama Movemento dos Xardíns Tranquilos e que é internacional. Hai uns 350 xardíns en 18 países. Cando isto adquiriu unha forma decente, pensei en rexistralo como xardín tranquilo porque quería compartir este espazo tan marabilloso", sinala Laura.
Iso si, a dona do labirinto pide silencio e respecto para quen entre na súa propiedade a ollalo ou percorrelo.
