Mario Ezno e o seu moneco Manolo Bolaño conquistan o público en Redondela
O monicrequeiro conquense conseguiu cinco millóns de seguidores nas redes sociais coas aventuras do seu boneco
Rematou o Festival Internacional de Monicreques de Redondela despois de que toda a fin de semana as marionetas tomaran as rúas da vila. Este domingo, pequenos e grandes puideron desfrutar da actuación de Mario Ezno, un artista que co seu moneco Manolo Bolaño ten cinco millóns de seguidores nas redes sociais.
Mario Ezno, que é de Cuenca, comezou a súa historia co moneco Manolo Bolaño na rúa. Subiu as súas aventuras ás redes e creou unha comunidade de cinco millóns de seguidores. De aí pasou a ser chamado para actuar en teatros e festivais, coma este de Redondela.
"Para min o máis importante é o directo, son as actuacións, e o cara a cara, o que vive e morre no mesmo momento. Pero para poder chegar a iso, no mundo no que vivimos, que é tan rápido, necesitas tamén da outra parte. Moitas veces este traballo é moi complicado. Incluso a min, que teño cinco millóns de seguidores, resúltame difícil encher teatros. Se unificas as dúas cousas, tanto a verdade do momento como as redes sociais, podes chegar a vivir disto e podes chegar a vivir ben.", conta a TVG Mario Ezno, artista dos monicreques.
"Mario Ezno é un monicriqueiro de raza, e deses monicriqueiros que dignifican un oficio, eses moniciqueiros que deixan unha pegada no corazón do espectador. Por iso Mario Ezno está neste programa, porque hoxe por hoxe é un artista novo e talentoso, e sobran os motivos", explica Luís Crespo, o director do Festival Internacional de Monicreques de Redondela.
Este domingo fixo unha sesión dobre das "Aventuras de Manolo Bolaño" no escenario principal do Festival Internacional de Redondela. Non quedaban cadeiras libres porque o seu espectáculo chama a grandes e pequenos mesturando humor adulto e infantil e moita improvisación.