Publicador de contidos
Publicador de contidos

A veciñanza de Pidre recupera o forno comunal para facer un pan "que sabe a gloria"

A veciñanza de Pidre recupera o forno comunal para facer un pan "que sabe a gloria"

Coa escusa de coceren o pan, volven xuntarse e botan unhas risas lembrando tempos pasados

O forno, construído a principios do século XX, foi quedando en desuso a mediados dos anos 60

G24.gal 04/05/2024 16:16 Última actualización 04/05/2024 17:27

Xa non hai camiños cara o forno comunal de Pidre, construído hai máis de 100 anos. Apoleirado nun curuto con vistas á Limia, foi quedando esquecido e abandonado á sombra do progreso.

"Coceu ata mediados dos anos 60 de forma habitual, como medio de vida para o pobo. Despois quedou en ruínas, abandonado. A finais dos 90 reconstruíuse, pero non se lle deu uso ata agora", conta Cristina Fuertes, presidenta da asociación de veciños de Pidre.

Hoxe, a leña volve arder. É mérito dos propios veciños, que viron no forno unha oportunidade para xuntárense e revivir vellos tempos. As máis veteranas son as que guían o traballo.

"Era meniña, tería 8 anos ou 10, e viña cos meus pais ao forno porque na casiña tiña medo e viña con eles. Cociamos por aí cada mes, porque eramos moitos veciños. Agora somos pouquiños", lembra Alicia Gómez Fariñas, veciña de Pidre.

"E grazas se había para cocer, porque o pan era unha fartura na casa. Eu, se non vexo o pan na mesa, non estou a gusto", asegura Serafina Colmenero Pozo, outra veciña.

Na aldea quedan unha vintena de persoas. Hoxe serán corenta a xantar. O menú, todo de forno: pan, empanadas e tamén pizzas, que hai que ir cos tempos.

"Mola moito ver como facían antes as cousas para comer e saber como era a vida na aldea, porque agora é moi diferente", asegura Xiana, a veciña máis nova da aldea.

A tarefa esténdese moitas horas. Hai que quentar o forno xa de véspera e ir controlando a temperatura ata que por fin, sae isto: un panciño "que sabe a gloria".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade