Recuperan a casa grazas á solidariedade dos veciños
Tras perder a súa vivenda nun incendio o día de Noiteboa, unha familia de Castrelo de Miño consegue un novo fogar coas doazóns dos veciños
Raúl Sampedro guíanos pola súa nova vivenda, en Casardeita, parroquia de Macendo. Unha casa de dous andares, típica da comarca do Ribeiro, coa adega no baixo e a vivenda no andar superior, cun amplo corredor no que instalaron o único que rescataron do incendio, unha lavadora que acababan de mercar e aínda non estaba instalada.
Raúl Sampedro, vítima do incendio: "É duro. Non o material, senón os recordos, as fotos, cousas que eran dos meus avós. Todo ardeu. Os documentos...".
Foi o 24 de decembro. Andaban coas últimas compras da Noiteboa e, cando chegaron á casa, só atoparon ruínas. O lume devorou ata o teito, con todo o que había dentro. Raúl e os seus dous fillos, de 18 e 17 anos, levan desde entón vivindo da solidariedade dos seus veciños, que ata lles prestaron unha vivenda provisional.
"É como cambiar da noite ao día: a casa é nosa e temos un teito que nos dá seguridade. A xente comportouse de marabilla. Aínda hoxe chega xente con roupa, preguntando se nos fai falta algo", agradece Raúl.
A propietaria da nova casa tamén lles rebaixou o prezo. O primeiro que fixeron foi reparar as pingueiras do teito e renovar a instalación eléctrica, ante o medo de volver pasar polo mesmo. "Veu un técnico electricista, que revisou, instalamos enchufes novos, conectores...", comenta.
Retornado de Venezuela, o que lle preocupa agora a Raúl é o emprego. Ten tido traballos temporais, pero agora mesmo está sen ingresos, con dous fillos ao seu cargo.