Pechan ao baño a praia do Muíño, na Guarda, por contaminación microbiolóxica
O Concello de Marín informou de que xa está permitido o baño na praia de Portocelo
Turismo de Galicia
A contaminación microbiolóxica obrigou a prohibir temporalmente o baño na praia do Muíño, na Guarda. O Concello recibiu unha comunicación da Consellería de Sanidade en que se informaba da que a última mostra de auga presentaba niveis de contaminación microbiolóxica por riba dos límites permitidos. A prohibición mantense desde este venres e continuará ata novo aviso.
O Concello está á espera dos resultados dunha contraanálise que permita comprobar se a calidade da auga recuperou os parámetros establecidos.
Doutra banda, o Concello de Marín informou de que xa está permitido o baño na praia de Portocelo tras confirmar que non hai contaminación microbiolóxica na auga. Segundo indicou o consistorio nun comunicado, as últimas analíticas realizadas confirman que non hai contaminación da auga pola presenza de enterococos intestinais e E.coli. O peche do areal produciuse na xornada deste xoves tras as analíticas realizadas pola Consellería de Sanidade.