Recomendan evitar beber auga embotellada se estivo horas ao sol
Consumir esta auga contaminada pode provocar problemas gastrointestinais
Beber auga acotío é un dos principais consellos das autoridades médicas para esta longa vaga de calor. Pero ollo se é auga embotellada en plástico e estivo moitas horas ao sol.
Peor se xa está desprecintada. Os colexios de farmacéuticos recomendan non consumila porque pode estar contaminada e provocar problemas de saúde.
Algo común nestes días de verán é levar auga mineral á rúa, ao río, á praia e se non se consome déixase no coche ao sol. Se ao día seguinte se bebe hai que ter coidado, xa que estivo exposta a altas temperaturas e é un risco para a saúde.
Consumir esta auga contaminada pode provocar problemas gastrointestinais. O máis seguro é levar a auga en botellas de aceiro, aluminio ou vidro e mantelas sempre nun lugar fresco e en caso de dúbida, tirala.