Publicador de contidos

Publicador de contidos

Reclaman o arranxo da N-540 ao seu paso pola cidade de Lugo

Reclaman o arranxo da N-540 ao seu paso pola cidade de Lugo

Veciños e usuarios denuncian o mal estado que presenta, cun firme cheo de remendos, fendas e fochancas

G24.gal 10/03/2025 14:11

A estrada nacional 540 ás portas da cidade de Lugo presenta un mal estado do firme. A estrada une as capitais provinciais de Lugo e Ourense, pero, pese a ser unha vía importante e de gran tránsito, os veciños e usuarios quéixanse do seu mal estado.

Esta situación sófrena os condutores en xeral e os veciños de parroquias como as de Esperante, Calde ou Lamas en particular, que teñen que sortear as fochancas a diario.

"Está fatal, parece unha leira arada, unha corredoira. Despois estráganse as rodas e pagámolas nós"; "Hai épocas de accidentes practicamente a diario"; "Está bastante mal, ten bastantes fochancas e leva así moito tempo e non a dan arranxado".

Na zona din estar fartos de oír anuncios de obras e de melloras que despois non se levan a cabo. Critican que hai aos pés da estrada moitas empresas ás que lles prometeron unha vía de servizo para facilitar o acceso e que todo quedou en nada.

"Prometérannos unha vía de servizo, unha rotonda e nada. Din que non teñen orzamento e os cartos non chegan nin para amañar os buratos".

Quéixanse de que as fochancas son cada vez máis grandes e urxen medidas.

"Necesita unha reparación urxente, leva moito tempo abandonada esta vía"; "Isto está así sempre, veñen e bótanlle unhas areas por encima e dura tres días, despois outra vez buratos".

Rexeitan que sigan facendo pequenos remendos e reclaman que se leve a cabo unha reparación integral.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade