Máis de seis horas sen conexión de teléfono e Internet en zonas de Bergantiños
En Malpica, Ponteceso, Laxe e Cabana levan meses sufrindo fallos no servizo de Movistar
Concellos, empresas e particulares demandan unha explicación e unha solución por parte de Movistar
Os veciños de Ponteceso, Cabana, Laxe e Malpica levan meses sufrindo cortes recorrentes de Internet e telefonía. O último fallo, este martes, durou desde media mañá ata a última hora da tarde. Estes cortes, sempre asociados ás coberturas de Movistar, complican a vida dos negocios, os servizos públicos e os particulares que empregan as súas redes.
Tanto as administracións locais coma os particulares pídenlle explicacións e solucións á compañía, pero ata o momento a resposta recibida non lles parece dabondo. Din que, de seguir así, non lles vai quedar máis remedio que cambiar de compañía.