O interese da xente nova por obter o carné de conducir diminuíu nas últimas décadas
Detrás deste cambio de tendencia hai varios factores; as alternativas de mobilidade é un deles
As autoescolas confirman no seu día a día o que din as estatísiticas: sacar o carné de conducir ao facer os 18 anos deixou de ser unha prioridade.
"A media está en 20-22 anos. Non é como antes que con 18 ías correndo. Agora teñen outras prioridades: acabar a carreira, o máster..."conta Cristina Sinde, profesora da Autoescola SDS de Santiago.
Segundo datos da DXT, a porcentaxe de novas licenzas entre menores de 24 pasou, por exemplo, do 73% en 2000 ao 57% o ano pasado. As alternativas de mobilidade, sobre todo nas cidades, facilitan o cambio de tendencia.
"Como temos transporte público e moitos somos universitarios que vivimos aquí, non precisamos moito o coche", di unha rapaza.
"Eu son de Brión, non vivo nunha cidade, entón facía máis falta, pero é verdade que teño moitos amigos que aínda non o sacaron ", engade outra moza.
O prezo tamén frea a algúns, aínda que desde as autoescolas aseguran que non é dos produtos que máis subiu.
"Para sacar un carné hoxe en día con trinta prácticas está entre 1200 -1500 euros", afirma Cristina Sinde, profesora da Autoescola SDS de Santiago.
No que coinciden futuros condutores e autoescolas é nas dificultades que implica a falta de profesorado e tamén de examinadores, que alonga o proceso de obtención do carné.