Publicador de contidos

Publicador de contidos

Recalan na Coruña máis de 6.000 turistas nunha tripla escala de cruceiros

Recalan na Coruña máis de 6.000 turistas nunha tripla escala de cruceiros

Uns viaxeiros quedan na cidade e outros desprázanse a Santiago

G24.gal 02/05/2023 20:46 Última actualización 02/05/2023 21:05

Tres cruceiros fixeron escala este martes na Coruña. Entre eles, chama a atención o Arvia, con capacidade para máis de 2.500 pasaxeiros e case 1.700 tripulantes. En total, recalaron na cidade cerca de 8.500 persoas entre pasaxe e tripulacións. Parte dos turistas, ingleses e alemáns, optan por excursións a Compostela. Outros quedan e visitan a cidade.

Pasean pola cidade. Visitan lugares emblemáticos como a praza de María Pita e aproveitan para degustar algúns dos produtos da nosa gastronomía. "Sobre todo piden polbo. Cando veñen aquí é sobre todo a comer polbo, porque as axencias de cruceiros xa moitas nos recomendan e xa saben ao que veñen", comenta Lázaro Jesús, camareiro da Pulpeira María Pita. 

Xunto cos comercios, os locais de hostalería da zona próxima ao porto e á Cidade Vella son os que máis notan a afluencia dos cruceiristas.

"Hoxe ademais foron cruceiros grandes: un de 6.000 turistas, outro de 1.000 e outro de 200 persoas. Eu libraba e tiven que vir traballar e sei doutros compañeiros que tamén tiveron que vir axudar", explica Román Canosa, camareiro no bar The Breen's Tavern.

O empresario de hostalería Alberto Boquete, de La Mansion 1783, asegura: "Normalmente cando hai cruceiros nótase bastante a afluencia de turistas e ademais nótase o volume de traballo. Hoxe no noso local estabamos tres persoas e facía falta incluso unha cuarta persoa".

A Coruña repetirá tripla escala o vindeiro luns. Logo están programadas dúas escalas duplas. En total, serán vinte os cruceiros que recalarán na cidade este mes.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade