Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cortabitarte culpa o maquinista: "Estamos aquí por catro segundos"

Cortabitarte culpa o maquinista: "Estamos aquí por catro segundos"

O exdirectivo de Adif sae de declarar entre apupos de familiares e vítimas

A vista retomarase o vindeiro 25 de outubro, coas declaracións das testemuñas

G24.gal 13/10/2022 08:30 Última actualización 13/10/2022 15:13

Andrés Cortabitarte, director da seguridade na circulación de Adif desde 2005 ata o 2 de xuño de 2013, culpou este xoves o outro acusado, Francisco José Garzón Amo, do accidente desencadeado o 24 de xullo de 2013 na entrada a Santiago, co saldo de 80 persoas mortas e case 150 feridas.

Segundo dixo, a causa do descarrilamento é un "incumprimento" de velocidade de Francisco José Garzón Amo, e cualificou a conversa de 100 segundos do condutor co interventor de a bordo, sobre a baixada dunha familia con necesidades especiais en Pontedeume, de "ilegal".

Cortabitarte asegurou que non se pode falar dunha situación "que vai ocorrer hora e media despois",  polo móbil corporativo, porque Garzón perde "toda a situación do que ten por diante".

"Se frease catro segundos antes, non estabamos aquí agora. Estamos aquí por catro segundos", manifestou.

Na curva da Grandeira, onde aquel tren impactou contra un muro de formigón, a velocidade está limitada a 80 quilómetros por hora, pero nese momento non había balizas, que si hai agora, polo que o condutor, que admitiu perder a "conciencia situacional", atopouse con ese aviso de golpe sen que existisen outros previos que emendasen un potencial erro humano.

Cortabitarte subliñou que hai "1.800 curvas con esas características (...) ou mesmo peores" pero "o que ninguén pode prever é que un tren puidese pasar a máis de 160 quilómetros por hora", manifestou.

O maquinista, que non presenciou esta declaración, freou ata 179 quilómetros por hora. E, segundo Cortabitarte, se chegase a reducir a 160, non existiría o sinistro.

"O que é impensable é que alguén, no sitio máis importante dunha liña, estea a dicirlle ao tren que estou ben, enganando o tren co sistema de home morto, mentres vai falando por teléfono", salientou  Cortabitarte.

O exdirectivo de Adif chegou a poñer o exemplo dun condutor de autobús "baixando por Despeñaperros e falando por teléfono".

Tamén dixo que a advertencia que fixera meses atrás o xefe de maquinistas de Ourense sobre o risco dese punto non chegou a Adif.

"Non houbo ningunha denuncia por parte de Renfe ao administrador de infraestruturas sobre nada na topoloxía na rede ferroviaria da C-82".

Cortabitarte tamén esgrimiu, ante o seu avogado, que a desconexión do sistema ERTMS na zona do accidente é irrelevante nas causas do mesmo. 

Responsabilidades

Pero ao que máis tempo dedicou Andrés Cortabitarte na súa declaración ante a acusación pública foi a descargarse de ningún tipo de responsabilidade como xefe de Seguridade de Adif, a pesar de que a súa sinatura certificou a seguridade da liña, tal e como lle lembrou o fiscal, Mario Piñeiro.

"O meu certificado de seguridade é un máis dos oito que se emiten aí", dixo ante o acusador público, que lle insistiu en que a pesar de ser un máis era necesario. "Todos son necesarios", respostou.

Nunha densa exposición sobre a estrutura de sistemas que entran en xogo para o deseño, construción e posta en funcionamento dunha liña ferroviaria, o acusado explicou que a dirección de seguridade da que el era responsable "non avaliabamos eses riscos porque xa veñen avaliados por quen ten que avalialos, que é quen constrúe".

Nunha pregunta retórica sobre "quen ten a  avaliación e valoración de riscos" el mesmo contestou: "As demais direccións executivas que ten a casa".

Liña segura

Andrés Cortabitarte mantén, a pesar dos cambios legais que se introduciron en materia de seguridade despois do sinistro, que a liña era segura.

"Cen por cen, se non estaría pechada agora mesmo".

A sesión estendeuse ata a unha da tarde. A vista retomarase o vindeiro 25 de outubro, coas declaracións das testemuñas.

"Maior responsabilidade"

A plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia en Angrois considera que ten "moita maior responsabilidade" o exdirectivo de Adif  ca o maquinista, que xa compareceu ante a xuíza a semana pasada.  

Polo momento, no escrito de acusación, a plataforma reclama catro anos de cárcere tanto para o maquinista como para o exalto cargo de Adif, do mesmo xeito que a Fiscalía.  

Agora, tras acordalo en asemblea, a xunta directiva da plataforma trasladoulle ao seu letrado Manuel Alonso Ferrezuelo esta decisión para que a teña en conta "no momento procesual oportuno", á hora de elevar as conclusións a definitivas e determinar as penas "que finalmente se soliciten para cada un dos acusados".  

"Coincidimos co escrito da fiscalía cando sinala que o tráxico accidente non sucedería se Adif, máis concretamente a Dirección da Seguridade na Circulación, e o acusado Sr. Cortabitarte López, como máximo responsable desta, avaliasen e xestionasen o risco de exceso de velocidade no tramo do accidente", sinala a asociación.    

Tamén apunta á Axencia Ferroviaria Europea cando sostén nun documento da instrución que "o risco de descarrilamento durante a marcha e especificamente en curvas foi coñecido polos enxeñeiros ferroviarios desde que se construíron os ferrocarrís por primeira vez, xa que teñen o risco de non controlar a velocidade".  

"A lexislación da UE esixe que as organizacións sexan competentes ao ter sistemas de xestión da seguridade e que os devanditos sistemas sexan controlados polas autoridades de seguridade nacionais independentes", expuña a Axencia.  

Cortabitarte foi perito xudicial do accidente do metro de Valencia ocorrido en 2006 con 43 mortos e 47 feridos "e afirmaba que cunha baliza se evitaba aquel accidente", lembra a plataforma de vítimas.

"Por tanto, coñecía de primeira man a importancia de controlar os excesos de velocidade, das balizas, da sinalización e algunha idea tería da previsibilidade do que sucedería ante un fallo humano", subliña.  

"Cortabitarte foi alertado polas empresas construtoras por escrito do risco de exceso de velocidade no tramo onde se produciu o accidente, risco que non quedaba mitigado polo sistema de seguridade fornecido polas devanditas empresas, e, por tanto, exportábase a Adif para a súa xestión", incide.

En dúas ocasións

A plataforma considera que "incumpriu reiteradamente a normativa, ao non realizar a análise de riscos en dúas ocasións", ao emitir "persoalmente" o certificado de seguridade e ao autorizar "persoalmente" a desconexión do sistema de seguridade polos atrasos que xeraba.  

"Entendemos que cada unha desas dúas accións, individualmente consideradas, é de extrema gravidade e causa directa do accidente. Sen obviar o descoido e erro humano do maquinista, o cal se produce en cuestión de segundos, entendemos que hai moita maior responsabilidade en quen dispón de tempo suficiente e dun equipo de centos de persoas en Adif e con todo, co seu abandono de funcións e incumprimento reiterado de normativa, causa o tráxico desenlace", conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade