Reabre o mercado municipal de Monte Alto, na Coruña, tras case tres anos de reformas
As obras permitiron modernizar as instalacións sen perder a esencia tradicional do mercado
Vendedores e clientes amósanse ilusionados
Cunha imaxe renovada e con moita ilusión reabriu este mércores o novo mercado de Monte Alto.
As vendedoras están moi ilusionadas: "Os postos que temos son máis amplos, teñen moita máis luz",e a clientela tamén celebra a reapertura. "Quedou moi bonito". "Xa era hora, eh". "A espera levámola moi mal. Pero, vaia, xa estamos aquí", declararon.
Ademais piden que se animen e tamén recollan os postos sen ocupar, porque dos 22 postos que hai neste novo mercado, 9 están ocupados, outros 3 adxudicados e 10 baleiros. "Xa tiña que estar todo licitado e todos os postos abertos". "Está moi bonito, pero ten moita carencias. E despois de tanto tempo xa tiña que estar todo plenamente montado".
Con todo, os vendedores agardan que a afluencia de clientes medre nos próximos días. "Hai clientes de sempre que xa viñeron. Pero aínda é pronto para valorar. Hai que agardar a ver como responden os próximos días".
Coa volta ao bulicio, Monte Alto recupera un punto de encontro para a vida cotiá dos veciños.