Publicador de contidos

Publicador de contidos

Reabre o supermercado de Lugo clausurado temporalmente pola presenza de ratos

Reabre o supermercado de Lugo clausurado temporalmente pola presenza de ratos

Tras un peche de tres días, o hipermercado volverá dar servizo de novo a última hora da mañá, unha vez que se terminen os labores de posta a punto das instalacións

Responsables da empresa anunciaron que, unha vez recuperada a normalidade, iniciarán un estudo sobre a denuncia realizada, da que queren saber "a súa verdadeira orixe"

G24.gal 17/10/2025 11:56

O supermercado Family Cash situado no centro comercial de Abella, en Lugo, clausurado temporalmente pola presenza de ratos, reabrirá este venres, a partir das 13:00 horas, tras conseguir o permiso de Sanidade despois da inspección desta mañá ás instalacións comerciais.

Tras un peche de tres días, o hipermercado volverá dar servizo de novo a última hora da mañá unha vez que se terminen os labores de posta a punto das instalacións, que foron revisadas exhaustivamente este venres polos inspectores nunha segunda visita de control, xa que tamén lles visitaron o xoves pola tarde.

Responsables da empresa anunciaron que, unha vez recuperada a normalidade, iniciarán un estudo sobre a denuncia realizada, da que queren saber "a súa verdadeira orixe". Ademais, o responsable de comunicación da empresa, Víctor Romero, avanzou que non descartan emprender accións legais contra os denunciantes polo prexuízo económico ocasionado, que cifrou en 40.000 euros, 10.000 de gastos recorrentes e de persoal e 30.000 de produto fresco que se perdeu e non se puido recolocar noutras tendas.

"Máis aló do prexuízo económico está o dano reputacional que nos fixeron, na que é unha das cadeas de alimentación mellor valoradas polo público", concluíu Romero. Desde a empresa explicaron a cronoloxía dos feitos, que para eles iniciouse o propio martes, cando acudiron ao lugar os inspectores de Sanidade tras a denuncia efectuada por CC. OO. do luns pola tarde.

Despois dunha análises "exhaustivas" foron avistadas, como indicou Romero, "restos de excrementos de pequenos roedores no peirao, en zonas de almacén e en tenda, ademais dun pequeno roedor". Asegura que o detectado "pouco ou nada ten que ver co que se presentou na denuncia".

"En 46 tendas e en 12 anos é a primeira vez que nos sucede algo así", explicou Romero, quen afirma que a orde de peche non é equilibrada para "un establecemento como este cando non se pon en perigo a terceiros, nin se pon en perigo tampouco a salubridade nin dos clientes nin dos nosos profesionais".

Medidas correctoras

Así mesmo, explicou que, como calquera establecemento destinado á alimentación, xa contan cun importante plan de control de pragas, igual que o resto de tendas e que se fai para previr. Tamén achegaron un informe da empresa que realiza o control, do 23 de setembro, que recolle que "existe un índice poboacional baixo de roedores, un índice que entra dentro da normalidade para unha superficie de alimentación da zona rural, como a nosa".

A empresa levou a cabo unha serie de medidas correctoras, con persoal desprazado doutras partes de España, entre elas a revisión de barreiras físicas e de ocos, así como a limpeza e desinfección completa das instalacións. "Demos a volta á tenda coma se fose un calcetín e iso Sanidade viuno", recalca Víctor Romero.

Sobre a denuncia realizada por CC. OO. afirma que non hai copias da mesma "nin das probas, o que nos deixa nunha clara posición de desvantaxe" e lembrou que no barrio hai problemas de pragas de pombas e ratos desde hai tempo "tal e como nos manifestaron os veciños que se achegaron ao supermercado tras coñecerse a noticia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade