Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha empresa do Grove trae a Galicia casas-cápsula da China

Unha empresa do Grove trae a Galicia casas-cápsula da China

É un novo tipo de construción que permite personalizar o equipamento e os acabados, e instálase en só tres meses

Cren que poden ter mercado como segunda vivenda ou para uso turístico

G24.gal 14/10/2025 14:41

Semella unha nave espacial pousada nun xardín, con vistas á illa de Sálvora. Unha pequena empresa do Grove, Caslúa, trouxo a Galicia o primeiro modelo dun novo concepto de vivenda: unha casa-cápsula fabricada na China que eles venden para España e Portugal.

Branca por fóra, con grandes ventás, e acabados de primeira por dentro. Este modelo de exposición ten 38 metros cadrados, cun dormitorio, unha cociña-comedor e un impresionante cuarto de baño, jacuzzi incluído.

"Esta, con todo o que ten, está sobre os 85.000 euros", explica Antonio Luaña, cofundador de Caslúa. "Se lle sacas cousas das que ten, como a domótica, pode estar arredor dos 73.000".

Pero existen moitos modelos, dende un pequeno cubículo que podería acoller un despachiño, por menos de vinte mil euros, a deseños con salóns e varios dormitorios, que chegan aos cen mil.

As opcións son personalizables ao igual que o equipamento. En Caslúa cren que este tipo de construcións teñen moitas saídas.

"Pode ser como vivenda, como uso turístico orientado para un parque de campismo, incluso xente que teña unha parcela dentro dun cámping para unha autocaravana, aí se podería instalar", asegura a outra socia da empresa, Beatriz Castro.

Moitos preguntan o mesmo: "E pode instalarse nun terreo rústico?". A resposta é que non. Como explican dende a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta, a lei do solo prohibe calquera uso residencial nun solo rústico, agás se está vinculado a unha explotación agropecuaria. Tampouco caravanas ou remolques.

Pero as casas-cápsula si se poderían colocar noutros terreos, sempre e cando cumpran as ordenanzas urbanísticas do concello. En calquera caso, se hai permiso, o proceso é rapidísimo. Unha vez alguén encargue unha cápsula, a construción na China supón un mes. E a iso hai que sumarlle dous máis de traslado. Tres meses para ter un balcón con vistas a Sálvora.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade