Rácing-Pontevedra, duelo entre históricos do fútbol galego este sábado na TVG
O equipo ferrolán gañou os dous partidos que xogou na Malata e o Pontevedra non coñece a derrota como visitante
O partido comezará ás 16:30 horas e verémolo en directo na Televisión de Galicia
Este sábado veremos en directo na Televisión de Galicia (16:30 horas) un clásico do fútbol galego. Xogan na Malata o Rácing de Ferrol e o Pontevedra. O equipo ferrolán (7 puntos) gañou os dous partidos que xogou como local. O Pontevedra (8 puntos) aínda non perdeu como visitante.
Estivemos con dous dos seus referentes ofensivos. Dani Ojeda chegou a Ferrol para liderar o ataque do Rácing. Máis de trescentos partidos en Segunda e corenta goles nesta categoría son un aval moi potente. No Pontevedra o gol ten un nome. O xogador de Pontecesures Álex Comparada xa leva tres, marca un cada setenta minutos.
O pasado mes de maio houbo un empate (0-0) con polémica, cun gol anulado no último intre a Compa despois dunha revisión do FVS por unha falta que se producira trinta segundos antes do gol. Veremos na Galega como é a historia deste ano.