O Celta e Conxemar asinan un acordo ata 2033 sen pechar o nome do estadio
Non se concretou o cambio de nome do estadio a Conxemar Balaídos
Marián Mouriño destacou que a colaboración con Abanca continúa "polo menos ata 2028"
O Celta e Conxemar asinaron este xoves un acordo estratéxico de patrocinio de sete anos, ata 2033. O protagonista do acordo viña sendo nas últimas semanas o estadio vigués, que desde 2028 deixaría de ser ABANCA Balaídos para acoller o nome de Conxemar Balaídos. Desde o club, porén, non lle pechan a porta á entidade bancaria, coa que queren "seguir colaborando como ata agora", e manteñen a incógnita sobre o futuro do nome do estadio: "en 2028 xa veremos".
Na sinatura estiveron presentes os presidentes de ambas entidades, Marián Mouriño por parte do Celta e Eloy García por Conxemar. Desde o club destacan que a alianza con Conxemar vai máis alá do empresarial. Reflicte "a conexión que sempre tivo o Celta co mar, algo que sempre formou parte da identidade, da historia e da maneira de entender a vida de toda a nosa comunidade."
Como parte do acordo, Conxemar contará con presenza e visibilidade en diferentes soportes e activos do Celta, ademais de dispoñer dunha zona de espazo propio en Balaídos, situada na nova bancada de Gol unha vez finalizada a súa construción.