Epifanio prefería recibir o Real Madrid despois dunha vitoria ante o Hapoel
O preparador burgalés asume que o seu equipo non terá ningunha opción se non fai un bo balance defensivo
Diego Epifanio, adestrador do Monbus Obradoiro, recoñeceu este venres, a dous días de recibir o Real Madrid no Multiúsos Fontes do Sar, que lle gustaría que o equipo branco gañase onte á noite ao Hapoel Tel Aviv.
“É un equipo que aspira a todo. Se onte gañasen, non digo que virían máis relaxados, pero se cadra virían sen esa intensidade que é difícil que Pedro lles permita relaxarse”, manifestou.
Na rolda de prensa, o técnico obradoirista lembrou que o inicio de Euroliga foi “moi esixente” para o conxunto dirixido por Pedro Martínez, con tres partidos a domicilio ante Dubai, Efes e Hapoel Tel Aviv.
“Sempre que vén un rival deste nivel é mellor que veña despois de gañar. O Real Madrid é un equipazo, cun equipo brutal e co mellor adestrador da Euroliga da pasada tempada. Tiveron un inicio moi difícil con tres partidos fóra da casa, pero veñen de ser campións da Supercopa, e iso non é doado”, incidiu.
O preparador burgalés asume que o seu equipo non terá ningunha opción se non fai un bo balance defensivo.
"Tanto na pretemporada con en o primeiro partido de Liga os nosos mellores minutos chegaron cando fomos máis sólidos atrás. Imos intentar ter esa capacidade defensiva para poder rebotear e correr porque así é como moitos dos nosos xogadores están cómodos”.