Sergi Quintela: "Será moi importante ter calma, a ACB é unha carreira de fondo"
O capitán do Obradoiro cre que a salvación sería "un éxito"
Sergi Quintela, base do Monbus Obradoiro, avisa de que ao seu equipo lle espera unha tempada “longa” e “moi esixente” no seu regreso á liga Endesa tras dous anos competindo en Primeira FEB.
“Será unha tempada en que será moi importante ter calma, a ACB é unha carreira de fondo. Obviamente queremos empezar ben e imos ir a Andorra a gañar, pero cos pés na terra porque non imos conseguir a permanencia na primeira xornada”, comentou o xogador galego.
O menor dos Quintela -o seu irmán Erik xoga no Breogán- cre que a clave da permanencia obradoirista pasará “polo traballo diario”, xa que o club santiagués non ten “a capacidade económica” doutros clubs da categoría.
"O obxectivo é chegar a esas 11-12 vitorias que marcan a salvación. Sería un éxito".