Queixas polos atrasos nas obras no centro histórico de Lugo
Os primeiros traballos iniciáronse entre abril e xuño de 2023 e algunha das obras duplica xa os prazos previstos inicialmente
As obras dos tres proxectos que se levan a cabo na zona histórica de Lugo iniciáronse entre abril e xuño de 2023. Van case dous anos duns traballos que, ademais de xerar molestias, repercuten negativamente nos ingresos de comerciantes e hostaleiros.
"Non pasa ninguén, a xente rodea todo para non pasar pola zona e os autobuses xa non pasan coma antes", di un comerciante da zona.
"Nótase moito, non podemos poñer unha terraza decente e a xente non quere vir a unha zona de ruído e po", conta un dos hostaleiros afectados.
Algúns traballos van xa pola quinta prórroga, pero dende o Concello xustifican os atrasos e din que se trata de decisións técnicas.
"Hai que ter en conta a meteoroloxía dos últimos meses e os achados que houbo nesa zona. Creemos que vai ser a última prórroga e é unha decisión dos técnicos, non política", explica a alcaldesa Paula Alvarellos.
Unhas explicacións que non convencen a asociación Lugo Monumental. Critican que as obras estiveron paralizadas o pasado verán, e van levar as queixas polos continuos atrasos á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.
"Queremos que Europa revise como se están facendo as cousas e pida responsabilidades, non económicas pero si de outro tipo", manifesta o presidente da Asociación Lugo Monumental Luis Latorre.
Propoñen que haxa compensacións para os negocios afectados.