Quéixanse de que un ascensor que une dous barrios de Santiago leva semanas avariado
A alternativa son unhas escaleiras moi empinadas ou un arrodeo considerable
O Concello conta que as pezas de reposto para arranxalo cheguen nunha semana
O uso de ascensores para facilitar a mobilidade urbana é cada vez máis habitual. O da rúa Triacastela, en Santiago, cambiou desde hai uns anos a dinámica de comunicación entre o barrio dos Concheiros e o das Fontiñas, porque axuda a salvar o gran desnivel que hai ata a avenida de Lugo.
Por iso cando falla, coma agora, son moitos os afectados, que teñen que subir e baixar por unhas escaleiras longas e empinadas ou dar un considerable arrodeo. Os veciños din que xa levan así preto dun mes, e pregúntanse ata cando van estar sen servizo.
Desde o Concello din que a reparación está pendente de que cheguen as pezas que hai que cambiar, e contan que iso sexa antes dunha semana. Ao parecer o que falla son uns cables que acusan o impacto constante do sol. Por iso, amais de substituílos, os responsables municipais teñen previsto que se coloque unha malla protectora que faga de filtro solar para evitar que se estraguen e provoquen novas avarías.
