Protección Civil di que seguen activos 13 incendios forestais graves en España
A Xunta de Castela e León declara a "alarma extrema" por incendios en 37 concellos de León, Zamora e Palencia
O de Porto, na provincia de Zamora, segue sendo un dos principais incendios forestais que seguen activos na comunidade de Castela e León. Este lume comezou hai dez días pola caída dun raio, e agora mesmo queima montes próximos ao parque natural do lago de Sanabria e das serras de Segundera e Porto.
Preocupa tamén a situación no canón do Tera, neste caso básicamente pola orografía, xa que non se pode actuar con maquinaria pesada, engadía o delegado da Xunta de Castela e León en Zamora.
No resto de Castela e León seguen activos outros sete incendios graves, nas provincias de León, Palencia e Zamora. A situación levou o goberno rexional a declarar a "alerta extrema en 37 concellos das tres provincias especialmente castigadas polo lume.
Estabilizado o incendio de Jarilla, en Estremadura, despois de queimar 17.300 hectáreas
A situación é máis optimista en Estremadura, onde os medios de extinción conseguiron estabilizar o incendio de Jarilla, que arrasou arredor de 17.300 hectáreas durante os últimos once días .
Canto á tamén veciña comunidade de Asturias, este sábado amenceu con tres lumes activos e outros tres extinguidos. Agora mesmo, en terras asturianas o lume que máis preocupa é o que afecta a Degaña, que avanza por tres frontes e contra o que loitan a maior parte dos efectivos aéreos e terrestres.
Trala reunión do centro de coordinación, encabezada polo presidente Pedro Sánchez, a directora xeral de Protección Civil dixo que a evolución dos incendios é favorable.
Nestes momentos temos trece incendios activos en nivel dous, comunicados ao centro nacional de alertas e emerxencias, nas comunidades autónomas de Castela e León, Galicia e Asturias. Estremadura saiu xa desta situación, sinalou Virginia Barcones, directora xeral de Protección Civil.
O sistema europeo de información sobre incendios forestais di que, desde o día oito de agosto, arderon en España algo máis de catrocentas mil hectáreas.