Bouzas regresa a comezos do século XIX na súa festa da Brincadeira
A parroquia viguesa regresa á época do alzamento popular da cidade contra os franceses en 1809
As rúas énchense de visitantes e duns 150 postos de artesanía e de produtos gastronómicos
Bouzas, en Vigo, viaxa a comezos do século dezanove para celebrar a súa festa da Brincadeira. E todo co trasfondo do alzamento popular de Vigo contra os franceses en 1809, pero sen rivalidades coa festa da Reconquista.
"Cada un ten a súa historia e cada un ten que vivila e celebrala e sempre xuntos", di Vanesa Domínguez, presidenta da Asociación de Amigos da Historia de Bouzas.
Actuacións de música tradicional, pasarrúas, representacións teatrais e mercado tradicional marcan unha longa fin de semana de festa.
"O que Bouzas celebra é a alegría de vencer os franceses, entón xuntámonos todos os de Bouzas para facer unha conmemoración", engade.
As rúas énchense de visitantes e duns 150 postos: de artesanía, de produtos gastronómicos... tamén de atraccións para os máis pequenos e demostracións de oficios artesáns.
Nesta festa celébrase un concurso de traxes de época. O premio: uns cheques para que os gañadores gasten no comercio local. Para o vindeiro ano haberá máis sorpresas e xa están a traballar nas novidades.
