Publicador de contidos

Publicador de contidos

Queixas pola instalación das atraccións das festas de Ourense no Parque Barbaña

Queixas pola instalación das atraccións das festas de Ourense no Parque Barbaña

A decisión molestou a asociación de veciños do barrio, que considera que este segue sen ser o lugar axeitado para instalalas

G24.gal 23/06/2022 14:20

Os veciños souberon da instalación das atraccións na zona a carón do río e o parque Barbaña cando apenas faltaban uns días para o comezo das festas. Non contaban con elas porque tras moitas protestas conseguiran que o concello as retirara de aquí hai anos e as trasladara a outra zona da cidade, Pero agora están de volta.

A decisión molestou a asociación de veciños do barrio, que considera que este segue sen ser o lugar axeitado para instalalas. Din que padecen ruídos, deterioración das zonas verdes e problemas para entrar e saír dos garaxes.

"Ata a unha e media da mañá non paran se hai xente, e terminas esgotado para levantarte o día seguinte".

"Aquí temos moitos garaxes e hai moitos problemas para meter os coches".

"Eu onte pechei ventás, persianas, todo... porque a música das atraccións ponche a cabeza tola".

Porén algúns lembran que as festas xa rematan o domingo, que son só cinco días, e din estar contentos co ambiente festivo que se respira no barrio. 

"Eu creo que estamos en festas e isto non se pode perder, non? Normalmente as festas en todas as cidades son así".

"Eu estou contento de que estean aquí a verdade. Son as festas e hai que divertirse, para non divertirnos xa chegaron os dous anos anteriores".

Os feirantes apuntan que este non é o mellor lugar para instalar as atraccións, coidan que unha zona máis ampla permitiría a actuación de orquestras e atraería moita máis xente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade