Queixas pola altura dunhas ramplas no barrio lugués de Lamas de Prado
Moitos dos vehículos que pasan polo lugar están a sufrir danos
As ramplas dun novo paso elevado construído na rúa Lamas de Prado, en Lugo, están a xerar queixas entre os condutores. Debido á súa altura, moitos vehículos sofren danos, xa que adoitan rascar o chan coa defensa, co chasis ou co tubo de escape.
Xesús Vázquez, presidente da Asociación de Veciños da Milagrosa: "Hai moitas queixas por este paso elevado, que non está anunciado adecuadamente. Os automobilistas de repente tópanse cun paso que non sei se cumpre a altura e estanse producindo danos nos vehículos".
Segundo sinalan os afectados, as ramplas resultan aínda menos visibles pola noite. Piden, polo tanto, que se arranxe o paso elevado e que se sinalice con pintura.
Xesús Vázquez, presidente da Asociación de Veciños da Milagrosa: "Nós o que pedimos é que se estableza unha sinalización axeitada para evitar ese perigo, que é real e que está afectado moita xente".
Pola súa parte, dende o Concello indican que o paso elevado cumpre coa normativa e que deberá estar sinalizado con pintura antes de dar por finalizadas as obras.