Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sobe a cota de neve e mellora a situación nas estradas de Lugo e Ourense

Sobe a cota de neve e mellora a situación nas estradas de Lugo e Ourense

A DXT establecera limitacións para vehículos pesados na A-6 e na A-52, nas entradas e saídas de Galicia, que levantou a primeira hora da tarde

Auxilian dous enfermos o averiarse polo temporal a ambulancia que os levaba de Galicia a Madrid

Coche cuberto en Pedrafita (EFE/ Eliseo Trigo) Coche cuberto en Pedrafita (EFE/ Eliseo Trigo)
G24.gal 28/01/2026 10:13 Última actualización 28/01/2026 14:50

As nevaradas condicionaron a circulación nalgunhas vías da montaña de Lugo e no sur da provincia de Ourense durante a madrugada e a mañá deste mércores, especialmente no caso dos vehículos pesados.

A primeira hora da tarde levantáronse as limitacións nas vías principais e practicamente circúlase sen limitacións por toda a rede principal.

Outra cousa foron as primeiras horas do día, nas que se chegou a decretar o embolsamento dos camións durante unhas horas para evitar o seu paso por Pedrafita, na Autovía do Noroeste (A-6). Poren, tras o traballo dos vehículos quitaneves, contra as 11:00 volveuse permitir o seu paso, aínda que a velocidade reducida e sen permitírselle adiantamentos.

Ademai, chegou a prohibirse a circulación de camións e vehículos articulados na estrada LU-633 entre Pedrafita e Queixadoiro, no Alto do Poio.

Na provincia de Ourense as nevaradas que afectaron á N-525 na zona da Gudiña, e entre O Canizo e As Hedradas (Zamora) e tamén se estableceron prohibicións de adiantamentos para vehículos pesados na A-52, xa levantadas, ao seu paso polos municipios ourensáns de Trasmiras, Monterrei, A Mezquita e Riós.

A presenza da neve nas estradas multiplicou as incidencias, e mesmo tivo que ser cortada a OU-122 en Casaio. Ademais, axentes da Garda Civil tiveron que rescatar varios condutores atrapados pola neve. Na estrada OU-310, en Vilardevós, auxiliaron seis turismos e un microbus para que puideran continuar coa circulación.

Auxilian dous enfermos o averiarse a ambulancia que os levaba de Galicia a Madrid

A Garda Civil de Zamora auxiliou a dous pacientes que eran trasladados nunha ambulancia de Galicia a Madrid cando o vehículo sufriu unha avaría por mor das inclemencias meteorolóxicas derivadas da borrasca Kristin.

A ambulancia viaxaba da Coruña a Madrid con dous enfermos cando ao pasar pola provincia de Zamora e "por mor das condicións climatolóxicas e da vía" o motor parouse e o vehículo quedou sen calefacción, segundo informou o subdelegado do Goberno en Zamora, Ángel Blanco.

A Garda Civil auxilia aos ocupantes dunha ambulancia que viaxaba da Coruña a Madrid e que se averiou con dous pacientes dentro en pleno temporal A Garda Civil auxilia aos ocupantes dunha ambulancia que viaxaba da Coruña a Madrid e que se averiou con dous pacientes dentro en pleno temporal

A ambulancia deu aviso da incidencia pouco antes das oito da mañá e ata o lugar no que se atopaba desprazáronse axentes da Garda Civil, que trasladaron no seu vehículo policial aos dous enfermos ata o establecemento hostaleiro da gasolineira da localidade zamorana de Mombuey, onde esperaron á chegada dunha nova ambulancia.

Reabre a A-6 en Madrid, con restricións para camións

Fóra de Galicia, pero con afectación á circulación que se dirixe cara ao noroeste peninsular, a A-6 reabriu a circulación pouco antes do mediodía, tras unha mañá caótica na que centos de vehículos quedaron atrapados entre as zonas de Torrelodones, Galapagar e As Rozas.

A circulación repúxose pero con restricións para o tránsito de camións. 

A neve caída durante a primeira parte da mañá fixo impracticable a circulación na zona entre O Plantío e os límites coas provincias de Segovia e Ávila, polo que se procedeu ao corte da vía para facilitar o traballo das máquinas quitaneves na zona durante máis de dúas horas entre Guadarrama e Aravaca, o que provocou que decenas de vehículos quedasen atrapados na zona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade