A caída dunha ponte suponlles rodeos de ata 30 quilómetros aos veciños de Muras
A estrada que une a maior vila da Mariña coa da Terra Chá polo Xistral leva máis de dous meses cortada no Viveiró
A estrada que une Viveiro e Vilalba pola serra do Xistral leva máis de dous meses cortada debido á caída dunha ponte sobre un afluente do Eume. Os máis afectados son os veciños da parroquia do Viveiró, no concello de Muras. Quéixanse de que teñen que dar rodeos de ata 30 quilómetros polo alto da Gañidoira para atender o gando ou para realizar xestións na capital chairega, ao igual que lles ocorre aos vehículos de emerxencias.
"Por esta estrada transitabamos todos os días, facendo uns 5 quilómetros, e agora temos que dar un rodeo duns 30 quilómetros. A nosa explotación está a menos dun quilómetro de aquí, pero ao estar cortado este pequeno pontigo dun regato, vémonos obrigados a dar ese rodeo para chegar ás explotacións de carne e de equino e a unha pequena alvariza", sinala o gandeiro Javier Vázquez.
A ponte colapsara durante unha borrasca en xaneiro, e posteriormente colocáronse unhas pedras de gran tamaño para evitar que os vehículos seguisen pasando. Dende entón, os afectados reclaman que se restaure o viaduto e non ter así que percorrer tantos quilómetros todos os días.
"Imaxino que haberá que reconstruíla completamente, vendo o estado en que se encontra. E é un pontigo pequeno, non unha megaestrutura que requira un grande esforzo por parte de ninguén para reparala", engade Vázquez.
Pola súa parte, a Deputación provincial aprobou en febreiro unha partida orzamentaria para arranxar a vía, cun prazo de execución de tres meses.