Publicador de contidos

Publicador de contidos

Arrincan os incentivos fiscais a empresas que colaboren co Xacobeo 2027

Arrincan os incentivos fiscais a empresas que colaboren co Xacobeo 2027

Reuniuse por vez primeira este xoves a comisión interadministrativa que se encargará de xestionar esas bonificacións  

Arquivo Arquivo
G24.gal 02/07/2026 19:24

Impulsar, coordinar e supervisar o programa de apoio á celebración do Xacobeo do ano vindeiro é o obxectivo da Comisión Interadministrativa do Ano Santo Xacobeo 2027 que se constituiu este xoves e na que participaron o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román. Este órgano busca tamén garantir a correcta aplicación dos incentivos fiscais asociados a este acontecemento.

O director de Turismo e o comisario do Xacobeo 2027 valoraron a creación da comisión que "por fin desbloquea a aplicación dos incentivos fiscais ás empresas que mostraron a súa vontade de colaborar con este evento despois de que desde a Xunta se insistise en múltiples ocasións na súa activación", lembrou Xosé Merelles.

Pola súa banda, Marcos Gómez Román dixo que "son moitas as empresas do tecido galego que estaban a esperar por este paso e que desde hoxe xa están a traballar na súa achega á programación do Xacobeo 2027".

A Comisión Interadministrativa celebrou a súa primeira reunión este xoves e foi creada mediante un convenio subscrito entre o Ministerio de Cultura, o Ministerio de Facenda e as comunidades autónomas de Galicia, País Vasco, Cataluña, Principado de Asturias, Cantabria, A Rioxa, Aragón, a Comunidade Foral de Navarra e Castela e León.

O acordo establece que o órgano constituído está formado por representantes do Goberno central e as comunidades autónomas de Galicia, A Rioxa, Castela e León e a Comunidade Foral de Navarra.

Aprobación dos plans e programas de actividades que poderán acollerse aos beneficios fiscais

Entre as súas principais funcións figuran a aprobación dos plans e programas de actividades que poderán acollerse aos beneficios fiscais previstos para o Ano Santo Xacobeo 2027; a aprobación do logotipo oficial do acontecemento e do seu manual de uso; a certificación da adecuación dos gastos realizados aos obxectivos e actuacións do programa de apoio; así como a remisión periódica das certificacións á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

En representación da Xunta de Galicia forma parte da comisión como vogal o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mentres que a secretaría recae no comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román.

Este órgano encargarase de analizar as propostas presentadas polas empresas e polas entidades encargadas da execución material dos plans e programas relacionados co Xacobeo 2027.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade