O Cluster do Turismo reclama a posta en marcha dos incentivos fiscais do Xacobeo
Cesáreo Pardal acusa ao Goberno de desleixo con Galicia
O Cluster do Turismo pide deixar atrás os localismos para atraer voos
O sector confía en que a ocupación definitiva nesta Semana Santa chegue o 75%
O presidente do Cluster do Turismo de Galicia afirma que as sensacións do sector hoteleiro nesta Semana Santa son moi boas.
Á falta de que se coñezan os datos definitivos de ocupación, Cesáreo Pardal confía en chegar o 75%.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, sinalou que o bo tempo foi un grande aliado.
“Nas vacacións de Semana Santa a xente espera a ultimísima hora para reservar e, neste caso, o tempo axudounos moito. Vimos como a xente saía a rúa, ía a destinos como a Mariña lucense, coas procesións, e a Ferrol tamén. A Ribeira Sacra viuse chea de turistas e as zonas do litoral galego tamén tiveron unha morea de visitantes”.
Cesáreo Pardal explicou que o turismo de Semana Santa en Galicia é de proximidade. Persoas que están “a dúas ou tres horas de Galicia”. Tamén portugueses que “veñen coñecer a nosa comunidade ou repiten estadía nos nosos establecementos”.
“É un turista de proximidade, familiar, que vén pasar tres ou catro noites, que repite, outros que veñen por primeira vez e que marchan sorprendidos”.
O responsable do Cluster do Turismo de Galicia tamén indicou que a Semana Santa deixa “un bo sabor de boca” de cara ao verán onde as expectativas tamén son boas.
“As reservas do mes de agosto levan moito máis ritmo que as de xuño ou xullo. Cada vez, o mes de agosto ten máis tirón pero esperemos que non se centren todas as propostas turísticas nese mes e que haxa unha repartición por toda a comunidade. Que non só sexa o litoral o grande atractivo turístico senón toda a comunidade.”
Tamén manifestou a preocupación dos establecementos hoteleiros e de restauración pola falta de man de obra, un problema que, admitiu, tamén afecta a outros sectores económicos o igual, incidiu, que o absentismo laboral.
Xacobeo 2027
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Cesáreo Pardal tamén se referiu á celebración do próximo Ano Santo.
O presidente do Cluster do Turismo asegurou que o sector está preparado e que “ten moitas expectativas depositadas” no próximo Xacobeo.
“O sector está preparado para recibir a eses presumibles turistas que poidan vir facer o Camiño que é ese grande elemento tractor que move as economías de moitos concellos ao longo de todo o ano. Agardamos con impaciencia ese próximo Ano Santo no que tantas expectativas ten depositadas o sector”.
Cesáreo Pardal cre que a carta remitida pola Xunta ao Goberno para perdille que active os activos fiscais con motivo do Ano Santo pon de manifesto a falta de consideración do Executivo Central con Galicia e co noso sector turístico.
“A remisión desa carta o único que pon de manifesto é a desidia do Goberno central para axudar a unha comunidade como Galicia na que eses incentivos poden permitir a realización de moitas activades. Ao mellor están mirando para outro lado e afeando un sector turístico e unha comunidade, como fan habitualmente. Se non os poñen en marcha xogan coa economía galega e cun sector que xera máis do 14% do PIB e máis de 150 mil postos de traballo."
Aeroportos
O responsable do Cluster do Turismo de Galicia asegura que o sector hoteleiro está convencido de que a perda de conexións e a marcha de compañías aéreas é resultado dunha “mala planificación”.
“Cada vez diminúen as compañías que aterran os seus avións nos tres aeroportos galegos e cada vez é máis difícil chegar a Galicia polo aire”.
Cesáreo Pardal pediu deixar atrás os localismos e apostar “por esas sete letras -de Galicia- que deben unirnos a todos”.
O presidente do Cluster do Turismo valorou a creación, por parte da Xunta, dun fondo para captar novas rutas aéreas a través de patrocinios.
“É marabilloso. O Cluster, que leva dende o comezo na comisión de coordinación aeroportuaria, ve como voan os coitelos dun lado ao outro (nas reunións). Unha vez que a Xunta dixo que ía crear un novo fondo para atraer novas rutas parece que houbo unha tranquilidade. A ver se este é o principio para buscar solucións”.
Cesáreo Pardal tamén lembrou que o Cluster presentou, hai dez anos, á comisión de coordinación aeroporturia unha batería de oito propostas para atraer conexións e pasaxeiros. Entre elas, suliñou, a figura dun interlocutor profesional pero, lamentou “non se puxo en marcha ningunha”.
“Cada un fala do seu menos eu que vou ó meu. A realidade é a situación que temos na actualidade: aeroliñas que desaparecen porque se acaban os cartos. Páganse asentos baleiros. Estamos perdendo pasaxeiros nos tres aeroportos e, por riba, algo que estaba planificado como o peche do aerorporto Rosalía de Castro. As iniciativas pasadas non funcionaron…. Mentres cada un mire o seu embigo, Galicia non terá voos”.
Unha situación, engadiu, á que hai que sumar a conxuntura actual marcada pola guerra e con aeroliñas que se centran nas rutas nas que enchen os avións para obter rendibilidade.
“Sexamos sensatos, traballemos por Galicia. Temos á Xunta que pon en marcha unha bolsa para atraer aeroliñas. Fagamos piña e coordinemos os aeroportos”
Conexións ferroviarias
En canto ás conexións de alta velocidade co Porto, Cesáreo Pardal, confiou en que a liña estea rematada no horizonte de 2030. Con todo, sinalou que a falta de vontade política podería implicar un atraso na conexión ferroviaria coa cidade portuguesa duns catro anos.
“Esperemos que estea no ano 2030 pero se non hai vontade política chegaremos ao 34. Esperemos que non pasen outros vinte anos como aconteceu para que o AVE chegase á nosa comunidade”.