A Xunta amplía a alerta vermella por calor a 138 concellos para este venres
Este venres estarán en alerta máxima por calor o noroeste da Coruña, o interior da Coruña, toda Pontevedra e a montaña de Ourense
Segundo os datos enviados este xoves por MeteoSaúde, e no marco do Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, a Xunta ampliou para este venres a alerta vermella por episodio de calor a 138 concellos da comunidade.
Este venres estarán en alerta máxima por calor o noroeste da Coruña, o interior da Coruña, o interior de Pontevedra, o litoral de Pontevedra, as Rías Baixas e a montaña de Ourense.
O nivel 2, laranxa, afectará ás zonas isoclimáticas do suroeste da Coruña e Miño de Ourense; mentres que o nivel 1, amarelo, afectará ás zonas do centro de Lugo, montaña de Lugo, sur de Lugo e Miño de Pontevedra.
A previsión é que a situación de altas temperaturas se manteña en toda Galicia, polo que as alertas permanecerán activas por posibles efectos adversos para a saúde durante varios días.
Suspéndese a actividade deportiva
No relativo á práctica deportiva, a Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, determinou a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior entre as 12.00 e as 20.00 horas deste venres nas zonas afectadas pola alerta vermella; e entre as 12.00 e as 18.00 horas nas zonas afectadas pola alerta laranxa, agás os deportes náuticos e acuáticos federados, neste último caso, coa recomendación de non practicalos entre as 12.00 e as 17.00 horas.