Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda urxe o Goberno a activar os incentivos fiscais a empresas que apoien o Xacobeo

Rueda urxe o Goberno a activar os incentivos fiscais a empresas que apoien o Xacobeo

"Xa se está poñendo en serio perigo a posibilidade dalgúns patrocinios se non se toman estas decisións", di o presidente da Xunta

G24.gal 30/03/2026 15:54

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apremou ao Goberno central a activar a comisión interadministrativa encargada de aprobar os incentivos fiscais a empresas que colaboren co Xacobeo 2027.

A preguntas dos medios este luns na conferencia de prensa posterior ao Consello da Xunta, o titular do Goberno galego sinalou que Galicia non obtivo resposta á carta enviada o pasado venres ao secretario de Estado de Cultura, Jordi Martí Grau, en que se reclamaba que actuase "con urxencia" para desbloquear o proceso.

Explicou que esa misiva é "case unha chamada de desesperación" para trasladar que se está "en tempo límite". Aínda que dixo confiar na "boa vontade" do Goberno central, subliñou que a Xunta foi cumprindo "con antelación" todos os requisitos esixidos e, a piques de acabar o mes de marzo, aínda non sabe "nada" ao respecto.

Segundo detallou Alfonso Rueda, xa se fixeron todos os chamamentos ás convocatorias e contactar con posibles patrocinadores, pero "necesítase esa decisión do Goberno".

"Espero que despois desta carta todo se acelere e se faga como se ten que facer", manifestou o presidente da Xunta, que insistiu en que o Executivo central conta con "ferramentas sobradas" para poder poñer en marcha todos os beneficios fiscais relacionados cos eventos do Ano Santo.

"Non pretendemos discutir, pretendemos que se tome canto antes esta decisión porque xa se está poñendo en serio perigo a posibilidade dalgúns patrocinios se non se toman estas decisións", reiterou Rueda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade