Un profesor, condenado a dous anos de cadea por agresión sexual a unha alumna de quince anos
Tamén terá que cumprir sete de inhabilitación para calquera traballo que requira contacto regular con menores

Un profesor de matemáticas acaba de ser condenado a dous anos de prisión por delito continuado de agresión sexual a unha alumna de quince anos.
A sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra considera probado que o mestre tratou de bicar na boca en varias ocasións a rapaza forzándoa, sen o seu consentimento.
Mandáballe mensaxes de contido sexual ao teléfono e mesmo chegou a ir á casa da alumna para forzala a bicalo.
O profesor de matemáticas, que daba clase nunha academia de Pontevedra, foi condenado a dous anos de prisión, a sete de inhabilitación para calquera traballo que requira contacto regular con menores e en tres anos non poderá achegarse nin contactar coa vítima.
A sentenza pódese recorrer ante o Tribunal Superior de Xustiza.