12.700 enfermeiras galegas chaman a atención sobre o seu labor asistencial, formativo e investigador
12.700 enfermeiras galegas chaman a atención sobre o seu labor asistencial, formativo e investigador
O trato directo e persoal cos pacientes, a pé de cama ou de padiola, fan da enfermería unha profesión moi vocacional
Consellos de saúde sexual ou reprodutiva, como reanimar unha persoa cun problema cardíaco ou como podemos levar mellor unha gripe. Son algúns dos campos de formación en saúde das que se encarga o persoal de enfermería. Tamén de investigacións, liderando equipos en laboratorios. Taballos quizais menos visibles, sobre os que hoxe chaman a atención. Destacan tamén o valor engadido que dá o trato directo e continuado cos pacientes.
"É moi importante, porque coñecemos o paciente, e ás veces dunha mirada xa sabemos que algo non vai ben. Hai que ver, estar e tamén apoiar a familia", destaca Paula Castro, enfermeira no Servizo de Urxencias do CHUAC.
"O que máis me gusta é estar co paciente, entendelo, esa parte de empatía de conseguir cunha mirada saber o que lle pasa", engade Carmen Urdangaria, estudante de 4º en prácticas.
Un traballo bonito e vocacional, que tamén, segundo estudos recentes do Consello Xeral de Enfemería, pode provocar estrés e sobrecarga. Galicia, con 12.700 enfermeiras, ten 4,7 por cada mil habitantes, exactamente a media do Estado.
"Hai veces que o traballo nos desborda. Cun trato amable tentamos facelo o mellor que podemos", di Paula Castro, enfermeira no Servizo de Urxencias.
Na xornada de hoxe reclaman tamén que haxa máis especialidades. Hainas xa en Saúde Mental, Matrona, Infantil, Centro de Saúde e Xerontoloxía. Pero botan en falta especialidades en Urxencias, Quirófano ou outras.
Desenvolven un labor moi amplo, polo que, aseguran, se senten máis valoradas desde o seu papel esencial na pandemia.