Absolto o adestrador de fútbol acusado en Vigo de abusar sexualmente dunha xogadora
Os maxistrados consideran que o relato da vítima "non reúne a suficiente fiabilidade"

O adestrador de fútbol xulgado en Vigo a principios de abril, por supostos abusos sexuais a unha xogadora, foi absolto pola sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, ao non apreciar proba de cargo suficiente.
O tribunal sinala que, tras valorar "os distintos filtros que debe superar unha declaración para poder constituír unha proba de cargo suficiente", a da vítima "non reúne a suficiente fiabilidade", polo que absolven o acusado dos feitos que se lle imputaban cando a denunciante era menor de 16 anos.
En canto aos feitos sucedidos cando a moza tiña entre 16 e 18 anos, a Audiencia sinala que, aínda que o acusado puidese aproveitarse da súa maior idade e experiencia, ou mesmo a súa condición de adestrador da moza, non pode concluírse que "existise unha situación de predominio e superioridade por parte do sospeitoso".
Os maxistrados sinalan que, no momento dos feitos, o Código Penal "distinguía o abuso de superioridade e o abuso de posición", pero, conforme á lexislación posterior a 2022, "só se sanciona se na conduta concorre ese abuso de superioridade".
"Se a situación de superioridade non puidese cualificarse como tal, senón tan só de abuso de confianza, procedería a absolución do acusado, pois a relación sería consentida entre unha persoa adulta e outra de 16 anos, con capacidade de autodeterminación sexual", recolle a resolución.
Por outra banda, os maxistrados da Audiencia apuntan que o feito de que o acusado fose adestrador da denunciante "durou poucos meses" e non lle impediu a ela marchar a outro equipo, polo que unha posible influencia sobre ela derivada da súa situación deportiva "non era, nin moito menos, determinante".
Entre ambos había, segundo o tribunal, un relación de confianza e ambos o admitiron; igualmente, sinala a sentenza, o acusado levaba e traía a moza a partidos e actividades, "pero facíao tamén con outras xogadoras", do mesmo xeito que nas 'quedadas' despois dos encontros ou para ir ao cinema.
A Fiscalía pedía inicialmente 13 anos de prisión, pero rebaixou a petición a 6 anos, ao aplicar a atenuante de reparación do dano (porque o procesado consignou 35.000 euros para facer fronte a unha posible responsabilidade civil).
Finalmente, o acusado, que no xuízo alegou que as relacións sexuais foron consentidas e que só se produciron desde que a moza tivo 16 anos, foi absolto. A sentenza non é firme, e pode ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).