Publicador de contidos

Publicador de contidos

Condenados a 9 e 11 anos de cárcere dous homes por violar e gravar unha moza en Vigo

Condenados a 9 e 11 anos de cárcere dous homes por violar e gravar unha moza en Vigo

A Audiencia Provincial impón tamén penas de afastamento, liberdade vixiada e indemnización económica

Un terceiro home, propietario do piso onde tivo lugar a agresión e acusado de omisión do deber de socorro, quedou absolto

G24.gal 07/05/2025 15:38

En Vigo, a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou dous homes a penas de 9 e 11 anos e medio de prisión por violar e gravar unha moza nun piso situado no barrio da Travesía da cidade.

Os maxistrados consideran os dous autores dun delito de agresión sexual. Un deles foi condenado a 9 anos de cárcere e o outro a 8 anos, ao aplicárselle unha atenuante de reparación parcial do dano por consignar 7.500 euros.

Este último tamén foi declarado culpable dun delito de descubrimento e revelación de segredos, polo que cumprirá 3 anos e medio máis de prisión, sumando un total de 11 anos e medio.

O tribunal impuxo a ambos a prohibición de achegarse á vítima a menos de 200 metros nin comunicarse con ela durante 18 anos. Tamén deberán cumprir 5 anos de liberdade vixiada e quedan inhabilitados durante 14 anos para calquera oficio ou actividade que implique contacto con menores.

Os dous deberán pagar conxuntamente unha indemnización de 17.000 euros á vítima, da que se descontarán os 7.500 xa consignados. Ademais, o home que gravou a violación deberá abonar unha multa de algo máis de 2.500 euros.

Un terceiro home, propietario do piso onde tivo lugar a agresión e acusado pola acusación particular dun delito de omisión do deber de socorro, resultou absolto.

Relato dos feitos

Segundo a sentenza, os feitos tiveron lugar en setembro de 2022. A vítima coñeceu aos dous condenados ese mesmo día, nun local da zona do Arenal ao que acudira con varias amigas. Ao pechar o establecemento, o grupo decidiu continuar a festa no domicilio dun amigo dun dos procesados.

Unha vez alí, a moza mantivo relacións sexuais consentidas cun dos homes nun cuarto. Mentres estaban no interior, o resto do grupo, agás o outro condenado, marchou da casa tras unha discusión. Nese momento, o segundo home entrou no cuarto e ambos agrediron sexualmente a vítima. A moza pediulles que parasen, pero fixeron caso omiso. Un deles gravou a violación co móbil.

Os maxistrados sinalan que a súa conclusión se basea na valoración da proba practicada no xuízo, especialmente no testemuño da vítima e na gravación feita co teléfono. Tamén tiveron en conta as declaracións dos axentes que acudiron tras o aviso da moza e os informes de tres peritos sobre o impacto psíquico da agresión.

A Sala destaca que a vítima mantivo sempre a mesma versión dos feitos e que non se detectaron contradicións relevantes nas súas declaracións.

A sentenza aínda non é firme e pode ser recorrida ante a Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade