'Fai que Valga' busca darlles unha nova vida os obxectos do punto limpo de Valga
Calquera persoa pode levar de balde os obxectos que se colgan na páxina web
Máis de 700 persoas achegáronse xa ata o punto limpo
Utilizamos os puntos limpos para desfacernos do que xa non nos vale. Pero aquí en Valga decatáronse que moitos dos obxectos tirados, aínda poden ter utilidade.
"Como aquí sabemos que a xente vén buscar igual que a deixar, pois gústanos traer cousas", conta un veciño.
"Ás veces xoguetes que están ben, ás veces carriños de bebé, ou sexa chegan moitas cousas que están ben que eu dicía, mira, mira, facíalles fotos para ensinarlles que realmente estaban estupendas", explica Yoel Castro, encargado do punto limpo do concello de Valga.
E foi así como decidiron poñer a andar unha nova iniciativa de economía circular. Chámase 'Fai que Valga'.
"Nós facemos unha foto, subímola ao Facebook e a xente que ve a cousa vén, cóllea de balde e lévaa", continúa o operario.
Algunhas están en perfecto estado, outras precisan unha pequena posta a punto.
"Pois mobles e moitas cousas que lle das un verniz, ou cadros, e quedan estupendos".
"Eu levei unha neveira tamén que non tiña refrixerante e fíxenlle a carga e espectacular", engaden outros veciños do concello.
"Hai xente moi mañosa por aquí e con dúas rozadoiras fai unha que funciona", apunta Yoel.
Pasaron xa 10 meses dende que colgaron na web o primeiro lote de obxectos e dende entón máis de 700 persoas achegáronse ata este punto limpo.
"Non todas teñen o mesmo éxito. Algunhas como as cousas de bebés desaparecen mesmo antes de publicitarse na web. Outras como estes lotes de libros e películas collen po nos estantes deste punto limpo", narra a xornalista Xulia Piñeiro.
Tamén as ferramentas agrícolas son moi demandadas, tanto que ás veces teñen que facer un sorteo entre as persoas que queren a mesma. Acode xente mesmo de fóra do concello de Valga.
"Moitísimo éxito, a verdade que non agardabamos tal acollida", conclúe satisfeito o encargado do punto limpo.