Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous detidos por secuestro, roubo e agresión sexual a unha muller en Chantada

Dous detidos por secuestro, roubo e agresión sexual a unha muller en Chantada

A muller denuncia que foi retida contra a súa vontade nunha casa, onde foi agredida sexualmente

Un dos arrestados ingresou xa en prisión

G24.gal 30/04/2025 10:36 Última actualización 30/04/2025 14:29

Dous homes foron detidos pola Garda Civil como investigados polos supostos delitos de secuestro, agresión sexual e roubo, dado que son sospeitosos de raptar unha muller na cidade de Ourense e de retela nunha vivenda do municipio lucense de Chantada, onde supostamente a violarían.

Segundo declarou a vítima, os feitos sucederon o 26 de marzo. Supostamente, dous homes asaltárona de madrugada en Ourense e, ameazándoa cunha arma branca, subírona ao coche. Levárona para Chantada, de onde os dous homes serían veciños.

Sempre segundo o relato da vítima, retivérona nun piso do centro, agredírona sexualmente e quitáronlle o móbil e a carteira. Collérana as 3 da mañá e calcula que conseguiu fuxir contra a unha da tarde. Arredor das 14:30, a Garda Civil atopouna na estrada provincial LU-1809, entre Chantada e Antas de Ulla. Varios veciños alertaran de que unha muller descoñecida deambulaba pola zona de maneira errática. Tomóuselle declaración, e a Policía Xudicial de Monforte fíxose cargo da investigación.

Garda Civil e Policía Local colaboraron para deter un primeiro sospeitoso, no seu domicilio no centro de Chantada.

Pasou a disposición xudicial o 15 de abril. A xuíza decretou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza. Houbo que agardar algo máis para coller o outro presunto agresor, que fuxira. Montouse un dispositivo de busca para localizalo, e finalmente prendérono -tamén en Chantada- na madrugada do 26 de abril.

Pasou a disposición xudicial o luns, 28 de abril, e tamén ingresou en prisión provisional. Os dous arrestados -que tiñan antecedentes- están investigados por presuntos delitos de agresión sexual, detención ilegal e roubo con intimidación. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade